20/11/17

Chandebrito 1807 premiará a foto de maior interese sobre o deporte e paisaxes do lugar

Esta Asociación anuncia a recollida de fotografías inéditas tomadas durante o século XX e relacionadas coa actividade deportiva da parroquia de Chan de Brito (fútbol, caza, chave, tiro ao plato, sendeirismo, bicicleta, motor (autocros, ralies, motocros...), xogos de mesa, etc.), e tamén relativas a paisaxes do lugar da mesma época.

Para elo, premiará con 50 euros e unha camiseta do petroglifo da Chan á persoa que entregue a fotografía máis interesante (que determinará por maioría no mes de xaneiro de 2018 un xurado designado pola Xunta Directiva desta agrupación e composto por un mínimo de tres persoas ben coñecedoras da zona e do deporte local).

As persoas interesadas poden remitir as fotos antes do 31.12.2017 das seguintes formas:

- Ao enderezo electrónico: chandebrito1807@gmail.com (arquivo con resolución mín. de 300 píxels p.p. e 2.000 KB).
- Ao enderezo postal da Asociación Cultural Chandebrito 1807, na Rúa da Igrexa nº 2 Chandebrito. C.P. 36360 Nigrán.

Indicarase o nome e apelidos e un número de teléfono xunto cos datos coñecidos da imaxe (data, lugar, anécdotas destacables, etc.).

Calquer cuestión que se suscite e que non se contemple nestas normas resolverase polo citado xurado.

Deste xeito, continúase co traballo deste colectivo a favor da recuperación do patrimonio cultural da zona iniciado hai anos, engadindo estas imaxes ao arquivo do mesmo e tamén á mostra que está exposta actualmente na antiga escola infantil.




10/11/17

Actividades etnográficas: III Festa no muiño dos Matos 2017

O vindeiro sábado dia 11 de novembro, a Asociación Chandebrito 1807 celebrará a III edición da festa-serán con actividades etnográficas no muíño dos Matos e a súa contorna.

Como en anteriores ocasións, contaremos con demostración de oficios tradicionais, exposición de fotografías relacionadas con cereais e os muiños de auga, charlas e un roteiro guiado.