10/7/17

O goberno de Nigrán usa herbicidas tóxicos preto das casas

O GOBERNO DO CONCELLO DE NIGRÁN UTILIZA HERBICIDAS TÓXICOS PRETO DE CASAS, CULTIVOS E AUGAS, PROVOCANDO O RISCO DE CONTAMINACIÓN E DE FAVORECER A APARICIÓN DE ENFERMIDADES.



O ano pasado o Concello de Nigrán ante as presión veciñais polo uso de herbicidas que, como sabemos, envelenan o noso medio ambiente, aprobou unha moción na que se acordaba:

o Pleno do Concello acordou non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio.

Nos casos concretos de conflito, o Concello solicitará por escrito ás entidades implicadas na aplicación de herbicidas que en virtude do Real Decreto 1311/2012 empreguen métodos de control alternativos, non químicos.

Chagáronnos moitas queixas por parte da veciñanza de diferentes lugares de Nigrán, especialmente de Chan de Brito avisando de que persoal do Concello estaba a fumigar preto das casas, mananciais de auga e de cultivos (algúns atópanse danados), polas cunetas e camiños...Isto fixo que varios colectivos escribíramos ao alcalde e concelleiros delegados para preguntarlle se era posible que tras a moción aprobada, o concello a estivese incumprindo.

O Alcalde respondeu literalmente:
"Non é glifosulfato ni ningún herbicida tóxico. Trátase de produto non dañino nin para o medio ambiente nin para persoas ou animais, cando vostedes queiran o poden comprobar."

Ante esa resposta pediuse poder comprobalo ou o nome do produto, esta segunda resposta xa non nos chegou.

Finalmente, tras unha pregunta no ultimo pleno relativa ao tema e tras moita insistencia por parte dun grupo da oposición nos comunican que o produto empregado é GLUFOSINATO DE AMONIO, un herbicida químico que Bayer puxo estratexicamente no mercado coa idea de substituír ó Glifosato (xa que non está polo momento categorizado pola Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro, e aínda non ten tan mala prensa nin é tan coñecido entre a poboación), e xa está implantado e xerando grandes conflitos ecolóxicos e sociais noutros países, xa que hai investigacións que fan sospeitar que pode ser incluso máis prexudicial e tóxico que o propio Glifosato.

Esta actitude supón unha burla e unha falta de respecto á veciñanza que esixe o cese inmediato das fumigacións e o cumprimento da moción acordada.

Outro dos compromisos adquiridos na mesma leváballe a facer presión sobre a Xunta de Galicia para que deixar de fumigar as cunetas das estradas que atravesan o espazo de Nigrán, cousa que tampouco fixo. Así, todo suma,e vémonos infestados de herbicidas tóxicos que se acumulan ano tras ano na nosa terra e na nosa auga.

Por elo, estase promovendo unha campaña entre a cidadanía para que se dirixa ao goberno municipal denunciando estas prácticas e que lle requira o cumprimento dos propios acordos adoptados polo concello.

No hay comentarios: