17/10/17

Denuncia polos lumes que arrasaron a parroquia

Resultado de imaxes para crespón negro



Chan de Brito está de loito polos lumes que arrasaron por completo á parroquia e que levaron por diante a vida de dúas das nosas veciñas.

Esta Asociación pedirá responsabilidades políticas á Xunta de Galicia, ademáis de dimisións dos mandos policiais polo que consideramos unha nefasta xestión na evacuación da poboación da zona, pero tamén á Xunta Rectora da Comunidade de Montes, que coa súa inactividade e inoperancia ao manter boa parte do monte (por exemplo o do Castro, unha das xoias arqueolóxica do lugar, que tamén quedou carbonizado) nunhas condicións pésimas, con cortalumes inexistentes ao estar ateigados de piñeiros, xestas, toxo e abundante maleza.
Precisamente, esta Asociación, leva pedíndolle a esta Comunidade dende hai anos a roza do monte, sobre todo preto das vivendas. Hai uns dias, con motivo dos traballos que vimos desenvolvendo con persoas que realizan traballos en beneficio da comunidade, pedíuselle colaboración á mesma para que nos prestasen algunha rozadora, pero o presidente deu o non por resposta. Denunciamos esta actitude neglixente e irresponsable, e pedimos a dimisión desta persoa, que leva anos sen convocar eleccións para manterse no cargo a toda costa.

Lamentamos profundamente todo o dano causado pola oleada de lumes en Chan de Brito e no resto de poboacións, que se viron desbordadas por esta traxedia, e poñémonos a disposición da veciñanza afectada para colaborar no que se poida.

Suspéndese o II roteiro de plantas

Con motivo dos lumes que arrasaron a parroquia de Chan de Brito o pasado domingo dia 15 de outubro, decidiuse suspender a celebración do II roteiro de plantas silvestres de Chan de Brito, así como a presentación do libro "Bienvenida la maleza...", ata novo aviso.

11/10/17

II Roteiro de plantas silvestres e presentación de libro "Bienaventurada la maleza"

O sábado dia 21 de outubro de 2017 en horario de mañá, terá lugar na Escola infantil de Chan de Brito (Nigrán), na Rúa da Igrexa, 4, a presentación dun libro e o segundo roteiro de plantas silvestres comestibles da parroquia, guiado por César Lema, doutor en Bioloxía.

O programa é o seguinte:

11:00 h.: Presentación do seu libro: Bienaventurada la “maleza” porque ella te salvará la cabeza. Usos de 113 plantas silvestres de los campos norteños


11:45 – 14:00 h.: Roteiro de recoñecemento de plantas silvestres comestibles e os seus usos pola contorna.

A actividade é de acceso Libre, ao final do roteiro porase un bote para facer unha aportación Libre, podendo tamén trocar por aceite de cociña usado. Antes do roteiro haberá posibilidade de mercar o libro Bienaventurada la “maleza” porque ella te salvará la cabeza, usos de 113 plantas silvestres de los campos norteños, por 25 €.

Esta publicación tamén se pode descargar de xeito gratuito e responsable no seguinte enlace:  http://bienaventuradalamaleza.blogspot.com.es/p/donde-conseguirlo.html 


“Hubo un tiempo en que el uso de plantas y frutos silvestres era habitual. La modernidad acabó con todo ello a base de adoctrinamiento desde las instituciones del Estado, en particular Universidades, escuelas, púlpitos, medios de comunicación, etc., hasta conseguir que las gentes del rural renegaran de su mundo y de ellas mismas. El lavado de cerebro fue tan eficaz que hasta el día de hoy se asocia el comer plantas silvestres exclusivamente con tiempos de postguerra y hambruna. Nuestra propuesta es que los alimentos recolectados representen al menos un tercio de nuestra dieta. Con ello conseguiremos mejorar nuestra salud integral, gracias a la gran cantidad, diversidad de nutrientes y energía vital de las silvestres, así como la salud del Planeta. También es una buena forma de desafiar al Sistema…”


30/9/17

Camisetas do Petroglifo da Chan das Tomadas

Para todos aqueles que desexen colaborar con esta Asociación, infórmase que xa temos á venta as camisolas de todas as tallas e en cores verde, branco, amarelo e vermello do Petroglifo da Chan das Tomadas, ben cultural redescuberto hai uns meses e cuxo proxecto de recuperación e posta en valor agardamos realizar proximamente.

Estas camisetas teñen un prezo de 10 euros por unidade e contribuirán a financiar os citados traballos, consistentes na limpeza, delimitación e rexistro gráfico do petróglifo; pero tamén á publicación dun libro sobre a toponimia da parroquia de Chandebrito, prevista para finais deste ano 2017. Ademáis, unha parte da recadación iría destinada a persoas desfavorecidas.



25/9/17

Cestería de nasas polbeiras

A Asociación Chandebrito 1807 promove unha actividade de artesanía en vimbio para confeccionar nasas para o polbo.

Lugar:  Escola Infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa, 2).
Datas:  Sábado 14 e domingo 15 de Outubro en horario de mañá e de tarde.

Para inscricións, poden indicar o nome e apelidos, lugar de residencia, número de teléfono de contacto e correo-e se tivese.


12/8/17

Novos traballos en beneficio da comunidade durante este ano

A Asociación Chandebrito 1807, con motivo dun convenio asinado co Goberno Central o 30 de outubro de 2012 e vixente a dia de hoxe, contará en breve co apoio de dúas persoas que realizarán traballos en beneficio da comunidade na parroquia de Chan de Brito ata o próximo mes de decembro.

Deste xeito, a parroquia e a súa veciñanza vanse favorecer de xeito gratuíto das melloras que se realicen, e as persoas prestadoras do servizo cumprirán a súa pena preto dos seus domicilios sen ter que pagar multas.

As tarefas que desenvolverán son, entre outras, a roza de camiños veciñais, recollida de lixo de camiños, viais públicos e outros lugares de uso común, a sinalización de lugares de interese, a limpeza de bens culturais, etc.

Ao mesmo tempo, esta Agrupación sen ánimo de lucro recollerá as propostas que realice a veciñanza neste sentido, coa intención de realizar as actuacións de interese público que propoña a mesma. 


28/7/17

A Valedora do Pobo estima o noso recurso contra o concello por falta de transparencia

A Comisión de Transparencia de Galicia (integrada pola Valedora do Pobo), ven de dar a razón a esta Asociación na súa solicitude ao Concello de Nigrán sobre a consulta de diversos expedientes de contratación de obras, subministros e servicios relativos á parroquia de Chan de Brito.

Esta agrupación veciñal, de conformidade ao establecido na Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e demáis normativa, e ao ser parte interesada nos asuntos prantexados, presentou no Rexistro municipal solicitudes o 04/11/2016, que reiterou o 24/02/2017, para consultar a oportuna documentación, transcorrendo varios meses sen resposta algunha, ata que a Valedora do Pobo llo requeriu mediante acordo do 30.06.2017, que dí:

- Estimar o recurso presentado pola Asociación Chandebrito 1807 o 20.03.2017 contra o concello.
- Instar ao concello a proporcionar a información solicitada no prazo máximo de 15 dias.
- Instar ao concello a que remita copia electrónica ao Consello da Transparencia da información subministrada en cumprimento do acordado, no prazo máximo de 15 dias.

Igualmente, leva anos solicitando por escrito (a través do rexistro e do buzón de suxerencias e reclamacións da páxina web do Concello) que se realicen diversas actuacións necesarias e de competencia municipal na parroquia de Chan de Brito, sen que polo momento o goberno municipal contestase algunha das peticións formuladas (se ben é certo que se executaron unhas poucas, de escasa entidade).

Por elo, volverá e reclamar que se realicen ditas actuacións, sen descartar acudir á Valedora do Pobo ou a outras instancias de non ter resposta nas próximas semanas.

10/7/17

O goberno de Nigrán usa herbicidas tóxicos preto das casas

O GOBERNO DO CONCELLO DE NIGRÁN UTILIZA HERBICIDAS TÓXICOS PRETO DE CASAS, CULTIVOS E AUGAS, PROVOCANDO O RISCO DE CONTAMINACIÓN E DE FAVORECER A APARICIÓN DE ENFERMIDADES.



O ano pasado o Concello de Nigrán ante as presión veciñais polo uso de herbicidas que, como sabemos, envelenan o noso medio ambiente, aprobou unha moción na que se acordaba:

o Pleno do Concello acordou non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio.

Nos casos concretos de conflito, o Concello solicitará por escrito ás entidades implicadas na aplicación de herbicidas que en virtude do Real Decreto 1311/2012 empreguen métodos de control alternativos, non químicos.

Chagáronnos moitas queixas por parte da veciñanza de diferentes lugares de Nigrán, especialmente de Chan de Brito avisando de que persoal do Concello estaba a fumigar preto das casas, mananciais de auga e de cultivos (algúns atópanse danados), polas cunetas e camiños...Isto fixo que varios colectivos escribíramos ao alcalde e concelleiros delegados para preguntarlle se era posible que tras a moción aprobada, o concello a estivese incumprindo.

O Alcalde respondeu literalmente:
"Non é glifosulfato ni ningún herbicida tóxico. Trátase de produto non dañino nin para o medio ambiente nin para persoas ou animais, cando vostedes queiran o poden comprobar."

Ante esa resposta pediuse poder comprobalo ou o nome do produto, esta segunda resposta xa non nos chegou.

Finalmente, tras unha pregunta no ultimo pleno relativa ao tema e tras moita insistencia por parte dun grupo da oposición nos comunican que o produto empregado é GLUFOSINATO DE AMONIO, un herbicida químico que Bayer puxo estratexicamente no mercado coa idea de substituír ó Glifosato (xa que non está polo momento categorizado pola Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro, e aínda non ten tan mala prensa nin é tan coñecido entre a poboación), e xa está implantado e xerando grandes conflitos ecolóxicos e sociais noutros países, xa que hai investigacións que fan sospeitar que pode ser incluso máis prexudicial e tóxico que o propio Glifosato.

Esta actitude supón unha burla e unha falta de respecto á veciñanza que esixe o cese inmediato das fumigacións e o cumprimento da moción acordada.

Outro dos compromisos adquiridos na mesma leváballe a facer presión sobre a Xunta de Galicia para que deixar de fumigar as cunetas das estradas que atravesan o espazo de Nigrán, cousa que tampouco fixo. Así, todo suma,e vémonos infestados de herbicidas tóxicos que se acumulan ano tras ano na nosa terra e na nosa auga.

Por elo, estase promovendo unha campaña entre a cidadanía para que se dirixa ao goberno municipal denunciando estas prácticas e que lle requira o cumprimento dos propios acordos adoptados polo concello.

2/6/17

Obradoiros de cestería en xuño

Esta Asociación organiza este novos obradoiros de cestería para os videiros dias 10 e 11 de xuño:



8/4/17

Exposición de fotos antigas "Chan de Brito, un século de xentes e paisaxes"



Esta Asociación acaba de abrir unha mostra de case medio centenar de fotografías (incluidas catro comparativas do ano 2008) que teñen que ver coa parroquia, seleccionadas de entre máis dun cento, e tomadas entre os anos 1899 e 2001. Estas imaxes recolléronse durante anos por Carlos Gómez, membro do colectivo.

A exposición, denominada "Chan de Brito, un século de xentes e paisaxes", pódese visitar durante este ano determinadas tardes da semana (ou ben de xeito guiado, concertando cita) na planta baixa da antiga escola infantil de Chan de Brito.

Encádrase dentro do ciclo de actividades do 10º aniversario da Asociación Cultural “Chandebrito 1807” –constituída o 15 de xullo de 2017-), entre as que destacan tamén a edición dun caderno coas noticias máis salientables do lugar durante o século XX, e dun plano-guía no que se recollerán uns 600 topónimos antigos desta parroquia, a primeira fase de restauración do muiño de arriba de Rodas (s. XVIII), charlas e roteiros guiados.



A Directiva desta Agrupación ven de ampliar o prazo de solicitude de inscrición no encontro de cestería que ten por obxecto aprender a forrar botellas e garrafóns con vimbio, prazo que rematará o 15 de abril ás 00.00 h.

Este encontro comezará ao remate da semana santa, o luns dia 17 de abril e prolongarase ata o 15 de maio (incluido). Os horarios e o lugar nos que se executará esta actividade son os mesmos que xa estaban previstos (na escola infantil de Chan de Brito, de 18.00 a 20.30 h.).

Denuncia por falta de transparencia do goberno municipal

A Asociación Veciñal "Chandebrito 1807", rexistrada no Rexistro Municipal de Asociacións, de conformidade ao establecido na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e demáis normativa vixente na materia, e ao ser esta Agrupación parte interesada nos asuntos que se citan a continuación, presentou no Rexistro municipal do Concello de Nigrán solicitudes o 04/11/2016, que reiterou o 24/02/2017, para consulta dos correspondentes expedientes, transcorrendo cinco meses sen resposta algunha.

As citadas peticións por escrito refírese aos seguintes expedientes completos, de contratos menores de obras, servizos e subministros adxudicados polo Concello de Nigrán, na súa maioría íntegramente na parroquia de Chan de Brito:

Nº Expte.       Denominación contrato admvo.                            Adxudicat.     Impte. (€)

-      2015/035C      Reparac. elem. interpret. do patrimonio cultu.    Babadiva         8.382,88
-      2015/116C      Sinaliz. accesible na rede de sendeiros Nigrán  Wireless G.    21.538,00
-      2015/134C      Asfaltado en Cño. das Laxes, Chandebrito         Covsa           28.036,41
-      2015/141C      Dirección obra asfaltado Cño. das Laxes           Ingenia               719,95
-      2016/040C      Realización novo mapa-guía de sendeiros         Ecoplanin        2.964,50
-      2016/072C      Pavimentación de varios camiños de Nigrán     Covsa            48.000,00
-      2016/074C      Pintado de viais no municipio de Nigrán            Sebagasa      14.450,85
-      2016/076C      Prospección arqueolóxica concello de Nigrán   D.O.Arqueo.     9.680,00
-      2016/084C      Submin. elem. Pque. Biosaudable en Torreiro   Novatilu            3.448,50

(incluídos os preceptivos documentos de autorización da Consellería do Medio Rural, e do acordo da Asemblea Xeral da Comunidade de Montes de Chan de Brito, ao realizarse as obras en terreos de monte propiedade desta, de natureza privada).

Polo exposto, e considerando que existe unha indefensión da veciñanza ante a administración local e que unha das funcións do Valedor do Pobo é do Control do cumprimento das obrigas de transparencia, solicitou desa Institución que se admitise a trámite esta queixa e se adopten as medidas oportunas co fin de poder acceder ao solicitado, como é de xustiza.

Igualmente, leva anos solicitando por escrito (a través do rexistro e do buzón de suxerencias e reclamacións da páxina web do Concello) que se realicen diversas actuacións necesarias e de competencia municipal na parroquia de Chan de Brito, sen que polo momento o goberno municipal contestase algunha das peticións formuladas (se ben é certo que se executaron unhas poucas, de escasa entidade).

Tamen se comunicou a tódolos grupos municipais da Corporación de Nigrán estas cuestions.

23/3/17

Solicitude investigación depósito de lixo no Castro

Esta Asociación Veciñal comunicou no dia de hoxe á Comunidade de Montes desta mesma parroquia que o dia 20 de marzo varios veciños e veciñas informaron a esta Agrupación que observaron cómo se depositaban na entrada e nos arredores do Castro da parroquia de Chandebrito e en camiños do entorno do mesmo grandes moreas de lixo no que predominaban entullos de obra, ademáis de conter restos de plásticos e outros residuos perigosos para a natureza e as persoas. Algúns deles extendéronse pola zona, e os restantes impiden a visitantes e á veciñanza o acceso ao castro, ofrecendo un alto impacto visual e medio ambiental.

Por elo, ao estar en terreos da citada Comunidade, dentro da área de protección do castro, do muiño das Chans e dos cruceiros (bens culturais inventariados no catálogo da Xunta de Galicia), e de conformidade ao que establece a lei 2/2016 do solo de Galicia e a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural; pedíuselle á mesma que tomen as medidas que consideren adecuadas, tales como investigar de donde procede o lixo e requerirlle ao responsable do vertido que o retire.

Asi mesmo, informóuselles que este asunto comunicarase tamén ao Concello de Nigrán, e ao Seprona da Garda Civil, ós efectos oportunos.

Esta Asociación, que leva dez anos promovendo a conservación e valorización do patrimonio cultural e da natureza, non pode permanecer calada ante estas brutais agresións que atentan gravemente contra os valores que defende, polo que levará esta cuestión ata donde sexa preciso.


17/3/17

Curso de cestería: forrado de botellas e garrafóns con vimbio (I)

Dende o vindeiro luns dia 3 ata o 24 de abril, tódolos luns do mes en horario de 18.00 a 20.30 h. (un total de 10 horas), desenvolverase na escola infantil de Chan de Brito unhas xornadas de cestería consistentes no forrado de botellas e garrafóns con vimbio, de xeito artesán, guiadas polo investigador Rubén Berto, e organizadas por esta Agrupación cultural.

As persoas interesadas en participar nas mesmas, deben solicitalo antes do 31 de marzo, podendo remitir un correo electrónico a chandebrito1807@gmail.com , indicando nome e apelidos, lugar de residencia, enderezo de correo-e e núm. de teléfono de contacto.

O número mínimo de participantes será de 6 e o máximo de 12. O importe total é de 30 euros por persoa (equivalente aos gastos), con todo incluído agás o garrafón.

22/2/17

II xornada práctica de enxertos

Ante o éxito no número de inscricións da I xornada práctica de enxertos de Chan de Brito, prevista para este sábado dia 25 de febreiro de 2017, e que impartirá D. Jose Luis Alonso; esta Asociación decidiu realizar unha nova convocatoria da xornada, a celebrar o vindeiro sábado dia 11 de marzo en horario de 16.30 a 20.30 h. na escola infantil de Chan de Brito.

O custo por persoa, con todo o material incluido, é de 10 euros.

O número de participantes será de 5 como mínimo e 20 como máximo. O prazo de inscrición rematará ao cubrirse o cupo total, e, en todo caso, o 9 de marzo ás 00.00 horas.

Para participar nesta actividade será preciso solicitalo por correo electrónico ao enderezo chandebrito1807@gmail.com indicando o nome e apelidos, NIF, núm. de teléfono de contacto, lugar de residencia e correo-e.

TEMARIO:

PARTES DUNHA ÁRBORE
QUE É UN ENXERTO E PARA QUE SERVE
COMPATIBILIDADE NOS ENXERTOS
TIPOS DE ENXERTOS
EPOCA MAIS AXEITADA PARA CADA ENXERTO
RECOLLIDA DE PUGAS
FERRAMENTAS E MATERIAIS NECESARIOS
COIDADOS POSTERIORES
PRÁCTICAS CON ENXERTO DE PUGA
- BASES DO ENXERTO DE XEMA (AVANCE TEÓRICO)



Entregarase un libriño, no que se indican fundamentalmente as compatibilidades entre patrón e enxerto, asi como as datas máis apropiadas para cada enxerto según especies.

* Tódolos materiais para as prácticas proporcionaranse polo formador.


11/2/17

Deficiencias na escola infantil

O pasado dia 7 de febreiro, a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 remitiu solicitude ao Concello de Nigrán, reiterando instancias presentadas en novembro de 2015 e en maio de 2016 -entre outras datas-, e que se atopan sen contestar (ao igual que todas as outras que se lle remitiron), nas que se pedía a reparación das seguintes deficiencias observadas no terreo da escola infantil de Chandebrito, de titularidade do Concello de Nigrán:

- Diversas planchas de corcho no piso da pranta baixa levantadas pola humidade dende hai máis de cinco anos, con risco de tropezar nelas e producir lesións (lateral Leste).
- Enchufe queimado dende hai máis de cinco anos (parede Leste da planta baixa) e cun mal funcionamento, con risco de producir curtocircuitos.
- Armario cunha porta rota dende hai anos.
- Carencia de aseos para o uso dos usuarios do baixo do inmoble, ao non ter acceso aos existentes no primeiro andar.
- Caixa de correo e contador do subministro eléctrico estragados dende hai moitos anos, causando serio risco de danos por cortes.
- Acumulación dunha gran morea de pólas dos piñeiros podados na parcela, moi próximas á edificación pola zona Sur, que impiden o paso ao parque infantil e provoca risco de danos graves no caso de lume forestal.
- Valo metálico non suxeito suficientemente xunto á citada morea de restos forestais, ocasionando risco de caída cara a estrada, a varios metros de altura.
- Tobogán mal colocado, con inclinación incorrecta, formando poza de auga no mesmo ao chover, o que imposibilita a súa utilización.
- Cable de enerxía eléctrica practicamente pegado ao columpio, con risco de danos graves para as usuarias (sería preciso a colocación dun novo poste na estrada para evitar que pase por enriba do parque infantil).

A Asociación considera que o goberno municipal fai deixación de funcións ao someter ao abandono as referidas instalacións, podendo ocasionar facilmente danos e prexuízos derivados do mal estado e/ou deficiencia das mesmas.

Ademáis de trasladarlle ao concello o anteriormente exposto, esta Agrupación tamén lle fixo saber que de non obter resposta a esta petición nun prazo de dez días, remitirase queixa ao Valedor do Pobo, Dirección Xeral de Admón. Local, Consellerías competentes da Xunta, á Comisión de Suxerencias e Reclamacións, e Grupos municipais da corporación.

23/1/17

Xornada práctica de enxertos

O sábado dia 25 de febreiro de 2017 en horario de 16.30 a 20.30 h. realizarase unha xornada práctica de enxertos na escola infantil de Chan de Brito, organizada por esta Asociación e impartida por Jose Luis Alonso, de Gondomar.

O custo por persoa, con todo o material incluido, é de 10 euros.

O número de alumnos/as será de 5 como mínimo e 20 como máximo.

Para participar nesta actividade será preciso solicitalo por correo electrónico ao enderezo chandebrito1807@gmail.com indicando o nome e apelidos, NIF, núm. de teléfono de contacto, lugar de residencia e correo-e.

TEMARIO:

- PARTES DUNHA ÁRBORE
- QUE É UN ENXERTO E PARA QUE SERVE
- COMPATIBILIDADE NOS ENXERTOS
- TIPOS DE ENXERTOS
- EPOCA MAIS AXEITADA PARA CADA ENXERTO
- RECOLLIDA DE PUGAS
- FERRAMENTAS E MATERIAIS NECESARIOS
- COIDADOS POSTERIORES
- PRÁCTICAS CON ENXERTO DE PUGA
- BASES DO ENXERTO DE XEMA (AVANCE TEÓRICO)



*
Entregarase un libriño, no que se indican fundamentalmente as compatibilidades entre patrón e enxerto, asi como as datas máis apropiadas para cada enxerto según especies.

* Tódolos materiais para as prácticas proporcionaranse polo formador.



18/1/17

Encontro de cestería: Mochilas en palla

Dende o vindeiro luns dia 6 de febreiro e ata o 13 de marzo, tódolos luns en horario de 18.00 a 20.30 h., desenvolverase na escola infantil de Chan de Brito unhas xornadas de cestería consistentes na elaboración de mochilas con palla de centeo de xeito artesán, guiadas polo mestre artesán Rubén Berto, e organizadas por esta Agrupación cultural.

Para máis información e inscricións poden chamar ao teléfono 667380223 ou enviar un correo electrónico ao enderezo chandebrito1807@gmail.com 


13/1/17

Xornada de xogos tradicionais "Xogando miudiño"

O domingo 29 de xaneiro a partires das 10.30 h. da mañá, desenvolverase no Torreiro vello do "Sobreiro" en Chan de Brito (a carón da igrexa parroquial), unha xornada de xogos ou brinquedos tradicionais, organizado polo Concello de Nigrán e a Asociación "Chandebrito 1807".

Esta Asociación Veciñal e Cultural, ao igual que a Concellería de Cultura, teñen como un dos obxectivos principais a conservación e posta en valor do patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, ademáis de fomentar as relacións e a convivencia entre a veciñanza e demáis poboación, de aí que programen iniciativas coma esta.