10/12/15

Solicitude de parque biosaudable

Esta Asociación ven de presentar nestes dias diversa documentación solicitando ao Concello de Nigrán que se instale un parque biosaudable en Chan de Brito formado por varios equipos de ximnasia, que permitan manter a forma física e previr ou tratar diferentes doenzas e lesións concretas; propoñendo para elo unha chan de 15 x 3 metros localizada na parte Sur do parque da antiga escola infantil, única parcela de titularidade municipal nesta parroquia. Neste espazo poderíanse instalar ata 6 aparatos deste tipo.

Tanto nesta como na súa contorna non existe parque biosaudable algún no que a veciñanza da mesma poida realizar exercicio físico axeitado para levar unha vida sá; tendo que desprazarse como mínimo a uns 10 Kms. para elo.

Estes parques ó aire libre están compostos por diferentes equipos de ximnasia, que permiten manter a forma física e previr ou tratar diferentes doenzas e lesións concretas. Están deseñados para a práctica de exercicio físico de adultos a partires de 40 anos e son especialmente recomendados para maiores de 60, porque lles permiten mellorar a mobilidade, aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación de todo o corpo. Potencian unha vellez saudable, dinámica e autónoma e constitúense como alternativa e complemento perfecto ás prácticas dirixidas que hai xa anos veñen organizando outros concellos da contorna.

As vantaxes fundamentais dos circuítos biosaudables, dende o punto de vista dos profesionais do deporte céntranse en que:
- Permiten realizar un exercicio físico completo que incide favorablemente sobre todos os compoñentes da condición física saudable dos maiores.
- Permiten realizar exercicio físico adaptado a este colectivo específico e seguro. Isto é importante porque se realiza sen supervisión.
- A nivel articular, supón sen dúbida un gran avance para a prevención de dexeneracións articulares, que a longo prazo adóitanse converter en lesións e polo tanto en perda de calidade de vida para o suxeito.
- Biomecánicamente é unha gran vantaxe poder traballar en primeiro lugar cun gran percorrido articular e segundo co propio peso do individuo, isto evita forzar as articulacións e os músculos, algo que pode ocorrer co traballo coas resistencias.
- Permite realizar un traballo muscular lento e controlado cun sinxelo manexo e efectividade.

Precisamente, unha das propostas de actuación para esta parroquia, realizadas na campaña electoral das pasadas eleccións locais do 24 de maio de 2015 polo PSdeG-PSOE de Nigrán, que goberna nese Concello, é “Dotaremos aos barrios de Chandebrito de pequenas instalacións deportivas que melloren a calidade de vida dos veciños/as e permitan o esparexemento dos máis novos/as.” Cabe ter tamén en conta que os concellos deben promover a práctica de deporte, e en xeral, o fomento dunha vida sá.

No hay comentarios: