29/10/15

I FESTA DO MUIÑO DOS MATOS, EN CHAN DE BRITO


O domingo 8 de novembro realizaremos a I Festa do Muiño dos Matos, que restauramos o ano pasado. Ás 10.00 da mañá partiremos dende o barrio de Pracíns cun roteiro guiado hacia este muiño de auga, donde se haberá música folk, moenda, demostracións, charlas, exposicións, oficios tradicionais e posto de produtos realizados coa fariña de cereais.

Trátase dun muiño encravado nun fermoso lugar, cun alto grao de interese etnográfico ao ser sitio de paso para os veciños de Chan de Brito, que tiveron que acudir á igrexa de Camos durante centos de anos ata o 1786. Probablemente construiuse a principios do século XVIII, e aparece rexistrado no Catastro da Ensenada no ano 1753, sendo abandonado no ano 1973. No ano 2009 a Asociación conquire a cesión do seu uso e a autorización por parte dos propietarios herdeiros para a súa restauración e uso por este colectivo. Entre os anos 2013 e 2014 restáurase completamente.

26/10/15

Remate das obras de restauración dos muros do muiño das Loureiras

Hai aproximadamente un mes, finalizáronse as obras de restauración dos muros do muíño de auga das Loureiras (situado na marxe dereita da estrada de Chandebrito preto de Coruxo), probablemente construido a principios do século XVIII, e abandonado sobre o ano 1932.
Antes desta actuación estaba nun estado completamente ruinoso, coas paredes derribadas e cuberto de maleza, polo que esta Asociación conqueriu hai uns meses e por escrito a cesión do seu uso por parte dos seus propietarios herdeiros, que autorizaron á súa rehabilitación, realizada este verán pasado co financiamento da Deputación de Pontedra por importe de 2.000 €, e a man de obra de voluntariado e dos penados con traballos en beneficio da comunidade. O estado actual refléxase nas seguintes fotografías.







20/10/15

V Xornadas Micolóxicas de Chan de Brito 2015

O domingo 25 de outubro de 2015, a partires das 10 da mañá celebrarase a quinta edición das xornadas micolóxicas de Chan de Brito (débese ter en conta o cambio de horario do sábado para o domingo, xa que hai que atrasar os reloxos unha hora). A xornada guiarase por Jose Luis Tomé Ortega, secretario da Federación Galega de Micoloxía, membro da Asociación Brincabois, e experto en micogastronomía.

A programación é a seguinte:
De 10.00 a 10.30 h., na contorna do Colexio Estudio: Pequena charla de introdución e entrega de información.
Ás 10.30 h.: saída e percorrido polos montes.
Ás 13.30 h. (aprox.): Regreso ao punto de partida.
Ás 17.00 h.: apertura de exposición de diversos tipos de cogumelos.
Ás 17.00 h.: Conferencia ("As texturas na cociña das setas").
Ao remate da charla, degustación dun caldo de cogumelos.

Máis información e inscricións: ata o venres dia 23 de outubro, no teléf. 667380223.


XESTIÓNS PARA REPARACIÓN DE DANOS NA ESTRADA DA LAPELA E MELLORA DOUTROS VIAIS

Ante os constantes danos producidos na estrada da Lapela, que comunica o barrio da Igrexa en Chan de Brito co monte Alba, en Valadares, a causa da explotación da canteira granítica situada no lugar da Lapela, e ante a total pasividade da Comunidade de Montes da parroquia de Chan de Brito; a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 mantivo en agosto unha entrevista co alcalde de Nigrán para pedirlle o arranxo do tramo deste vial na parte inferior da citada canteira, e que se lle requira á empresa arrendataria a colocación dunha adecuada sinalización de perigo nesta via e a reparación de danos, tales como limpeza de lodos na superficie (producidos coa escorrentía das augas pluviais), arranxo do pavimento no tramo próximo ao término municipal de Vigo, etc. Esta petición realizóuselle novamente ao rexedor no dia de onte.
Por outra banda, lembróuselle a necesidade de ensanchar a sección da Estrada Provincial de Pracíns, outra das demandas históricas da veciñanza, cuxa obra xa resultou aprobada hai máis de dez anos, pero que segue sen executarse, co conseguinte perigo para os vehículos e peóns que circulan por este vial tan estreito e de visibilidade escasa.

Ademáis, acábanse de manter contactos co concelleiro de Vías e Obras para o arranxo dun camiño de acceso ao lugar dos Matos, moi deteriorado polo efecto das choivas.

Outro aspecto que consideramos importante neste eido, é a corrección e actualización do inventario municipal de viais públicos, asunto no que xa incidiu esta Asociación presentando unha solicitude en agosto de 2014 na que se pedia corrixir 58 erros e a inclusión de tres camiños da parroquia no referido documento.


Fotografías do estado actual da estrada de Lapela, que une Chan de Brito con Valadares: