27/6/15

Exposición de noticias antigas da parroquia

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" organiza unha exposición de noticias antigas relativas á parroquia de Chan de Brito, baixo o título "O que contaron de nós, Chan de Brito na prensa do século XX".

Trátase dunha selección de máis de 70 noticias da colección persoal de Carlos Gómez, composta por centos de artigos en prensa ordeados cronolóxicamente, co que se pretende, entre outras cuestións, dar a coñecer mellor a historia da parroquia e amosar certas curiosidades. As noticias escollidas publicáronse entre o ano 1898 e o 1999 en 9 periódicos diferentes do país (26 delas son anteriores ao 1976).

A exposición permanecerá aberta dende principios do vindeiro mes de xullo, e poderase visitar de xeito gratuito e guiado na escola infantil (Rúa da Igrexa, núm. 2) os martes de 20.00 a 21.00 h., e tamén os sábados pola tarde concertando cita previamente no teléfono 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .

Vista xeral da exposición.






 

Amosando unha noticia do ano 1959 na que se dá conta do premio outorgado a unha parella da parroquia por ser a que tivo máis fillos en toda a provincia (16). Moi probablemente trátase dos primeiros veciños de Chan de Brito dos que se publica unha foto nun periódico.
 


 

Unha das noticias máis antigas que forma parte da exposición, publicada no 1904. Informa do xuízo motivado por un tiroteo no lugar das Tomadas contra dous veciños, no ano 1903.

Servizo de atención integral á veciñanza



A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" prestará un servizo de asesoramento, recollida de peticións, queixas e suxerencias, etc. á veciñanza de Chandebrito para trámites ante as administracións públicas (Concello, Deputación, Xunta de Galicia, etc.). que se realizaría de xeito experimental na pranta baixa da escola infantil tódolos martes do mes de xullo en horario de 20.00 a 21.00 horas.

Con esta actuación, preténdese dar unha maior participación e implicación nos asuntos públicos aos habitantes desta parroquia e achegarlles información do seu interese, xa que aínda a día de hoxe, teñen dificultades para chegar ás administracións, canalizando así as súas solicitudes, suxestións, etc. Ademáis, cabe ter en conta que ás veces, estas tampouco facilitan a participación cidadá do xeito máis oportuno.
 

Solicitude de primeira entrevista co novo alcalde de Nigrán

A Xunta Directiva da Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" acaba de solicitar unha entrevista co Alcalde de Nigrán, para tratar diversos temas de interese para a parroquia de Chan de Brito, entre os que destacan os seguintes:

- Actuacións para a protección do patrimonio cultural e medio ambiental
- Plan Xeral de Ordenación Municipal.
- Mellora do servizo de Transporte público por estrada para conexión con Vigo.
- Terceira fase e dotación da rede xeral de sumidoiros ao 100 % das vivendas.
- Colaboración coa Deputación de Pontevedra para a mellora da Estrada de Pracíns (E.P. 2102 Vincios - Nigrán).
- Mellora do Camiño da Lapela (barrio da Igrexa ao Monte Alba, Valadares) e outros.

Agardamos poder reunirnos axiña co rexedor municipal para poder valorar estes asuntos e buscarlles a mellor solución posible, e así executar canto antes as actuacións necesarias.

O ensanche da sección da Estrada de Pracíns é un dos asuntos pendentes e de importancia polos que esta Asociación leva pelexando dende o ano 2007, debido ao paso continuado de camións e autobuses escolares por este estreito vial con moitas curvas sen visibilidade, o que provoca un alto risco de accidentes.

6/6/15

II Obradoiro de elaboración de pan bio con formento


Os dias 20 e 21 de xuño de 2015 celebrarase na antiga escola de Chan de Brito a segunda edición do obradoiro de pan ecolóxico da parroquia.


Presentación:

A agricultura e a panificación ecolóxicas actúan baixo un mesmo espírito. O agricultor favorece a actividade biolóxica do chan, o panadeiro favorece a actividade biolóxica da masa. O agricultor biolóxico non utiliza pesticidas nin abonos químicos; o panadeiro biolóxico non utiliza aditivos nin mellorantes. Para lograr seu obxectivo o agricultor utiliza métodos culturais (compostaxe, abonos verdes, rotacións, asociacións, etc); o panadeiro basea súa técnica en métodos de panificación utilizados durante xeracións (fermentacións longas e utilización do formento).

O pan bio pretende recuperar a idea do pan como alimento básico. Elaborado a partir de fariñas sen residuos e fermentado con “formento” (“lévedo nai”) volve ser o alimento básico de sempre. A elaboración na casa devólvenos o control sobre a nosa propia alimentación e permite facer un pan san e nutritivo.

Obxectivos:
1.    Explicar cales son as bases da elaboración do pan na casa, cales son os principais problemas que poden xurdir e como solucionalos.
2.    Coñecer as virtudes nutritivas do pan biolóxico feito con formento e do pan de landra.
3.    Recuperar antigas formas de elaboración do pan que permitan a autosuficiencia para o control de nosa propia alimentación.

Dirixido a:  Calquera persoa interesada en elaborar seu propio pan na casa

PROGRAMA:

Modulo Teórico:
v  Pequena historia do pan
v  Tipos de cereais e características
v  Vantaxes da moenda en muíño de pedra
v  Tipos de fariñas e composicións
v  Características do formento (“lévedo nai”)
v  Propiedades nutritivas do pan feito con formento
v  Ingredientes e aditivos utilizados en panadería bio e convencional
v  Procesado da landra para facer pan

Modulo práctico
v  Elaboración do formento e conservación do mesmo
v  Distintas formas de amasado
v  Principios e condicións durante a fermentación
v  Elaboración pan de trigo e pan de landra
v  A cocción en un forno “doméstico”
v  Problemas e solucións

Profesorado:  César Lema Costas. Apañador e Panadeiro biolóxico non profesional

Duración: 11 horas. Sábado 20 de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h., e Domingo 21 de 10 a 14 h.

Número de participantes: Máximo de 13

Orzamento:  Prezo Libre: Ti pos o valor en función da calidade do obradoiro e da túa economía. (Prezo Libre non é de balde, nin é un donativo)

Infraestrutura e equipamento do local: Mesa para amasado, Ordenador e Canón proxector.

Materiais que deberá achegar cada participante:
-  Un recipiente (tipo bol) para amasado (con capacidade para 2 litros mínimo, e que non sexa de plástico), panos de liño ou algodón e unha prenda de lá para tapar o pan d camiño a casa.
-  Cada participante no obradoiro pode traer 2 Kg de trigo integral bio (ou espelta integral bio), ou ben compralo no propia aula deste obradoiro.

Máis información e inscricións: No teléf. 667380223 ou correo-e  chandebrito1807@gmail.com

2/6/15

Arrancan as obras de restauración do muiño das Loureiras

Esta Asociación, tal e como tiña previsto, comezou o 18 de abril os traballos de limpeza do muiño de auga das Loureiras, da súa contorna e accesos, nos que participaron un total de 7 voluntarios, coa colaboración das empresas Fruitas Vilar e Panadería La Flor de Nigrán (que doaron os comestibles para estas persoas). Entre abril e maio, o persoal penado que realizou traballos en beneficio da Comunidade adicouse á limpeza das pedras do muiño e o amoreado das que estaban caídas. O 30 de maio acordoouse a zona con sinalización, tal e como se pode comprobar nas fotografías insertadas a continuación. Contra mediados deste mes de xuño está prevista o inicio da recolocación das pedras nos muros, restaurando así a súa estrutura. Ademáis estase a elaborar un proxecto coas directrices desta actuación.




Este muiño, de principios do s. XVIII e abandonado nos anos 1930, está totalmente ruinoso, e é un dos 38 bens culturais de Chan de Brito para os que esta Asociación solicitou por escrito a súa catalogación oficial para proporcionarlle  protección legal.
Durante o ano 2014 asinouse con varios propietarios / herdeiros deste muiño un documento de cesión do seu uso durante 25 anos.
Nesta actuación colabora a Deputación de Pontevedra con financiamento do PAC 2014.
Agardamos que a primeira fase da restauración estará concluida a finais deste mes de xuño.
Todas as persoas interesadas en colaborar na súa restauración ou doazón de material (morteiro, pezas para o tellado, etc.) poden contactar coa Asociación a través do correo-e chandebrito1807@gmail.com ou chamando ao núm. de teléfono 667 380 223.