20/9/14

Convocatoria de curso de cestería en palla (II)

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", consciente do éxito obtido noutras edicións realizadas e co fin de recuperar e poñer en valor un dos oficios tradicionais máis antigos, convoca para esta nova tempada 2014/2015 un curso de cestería tradicional, denominado CESTERÍA EN PALLA DE CENTEO (II), coas seguintes características:

 

TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO.
ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES.
IMPARTIDO POR RUBÉN BERTO COVELO (VIGO), MESTRE CESTEIRO ARTESÁN.
FERRAMENTAS QUE DEBERÁN LEVAR OS ALUMNOS/AS: NAVALLA E PUNZÓN.
LUGAR: ESCOLA INFANTIL DE CHAN DE BRITO (RÚA DA IGREXA, 2).
DATAS: TÓDOLOS LUNS DENDE O 6 DE OUTUBRO ATA O 29 DE DECEMBRO DE 2014 (AMBOS INCLUIDOS) (12 SESIÓNS).
HORARIO: DE 18.00 A A 20.30 H.  (2,5 HORAS SEMANAIS).
Nº PARTICIPANTES: UN MÍNIMO DE 8 – E UN MÁXIMO DE 12 .
PREZO: 30 € MENSUAIS POR PERSOA (INCLÚESE TODO O MATERIAL PRECISO –PALLA, TIRETA DE VIMBIO, ETC.-).


MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: ATA O DIA 3 DE OUTUBRO, A TRAVÉS DO CORREO ELECTRÓNICO chandebrito1807@gmail.com OU NO TELÉFONO 667380223.

14/9/14

Curso de bailes latinos 2014 / 2015

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", ao igual que a tempada pasada, oferta un curso de bailes latinos, que se celebrará no seu local social (pranta baixa da escola infantil de Chandebrito, na Rúa da Igrexa, núm. 2) tódolos venres de 17.30 a 18.30 h. e que comezará o venres día 3 de outubro. A duración prevista é de nove meses. O prezo é de 11 euros mensuais por persoa.
Esta Asociación valora moi positivamente o resultado acadado no curso anterior, cunha media de 9 persoas asistentes por sesión, no que chegaron a participar un total de 20 persoas (dos cales un 55 % residían na parroquia); polo que decidiu continuar con esta actividade.
Os interesados/as poden informarse e/ou inscribirse no teléfono núm. 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .

4/9/14

Solicitude de corrección do inventario municipal de camiños

Dende a Asociación "Chandebrito 1807" solicitamos en tres ocasións ao Concello de Nigrán que se engadisen tres viais existentes na parroquia de Chan de Brito que contan con diversos servizos urbanos de carácter público e tamén que se corrixisen un total de 58 erros (dous deles relativos ao grafiado das vías) que contén o plano núm. 3 do inventario de camiños do Concello de Nigrán (referido á citada parroquia), aprobado na sesión plenaria do 28/03/2012 (data de xaneiro de 2011).

Ao non obter resposta a estas peticións; solicitouse novamente o pasado 25 de agosto a través do rexistro de entrada da citada entidade local:

1º: Que se proceda a incluir no citado inventario os seguintes camiños:
-        Camiño de Florentino Rial (barrio das Tomadas).
-        Camiño dos Vargos (barrio das Tomadas).
-        Camiño da Lapela (barrio da Igrexa).

2º: Que se corrixan os 58 erros que contén o documento aprobado.

Para elo, remitiuselle anexo cos datos dos camiños para os que se pide a súa inclusión ademáis do mencionado plano do inventario aprobado no 2012, coas correccións oportunas.

Cabe ter en conta que existen varias vivendas con acceso por eses viais non contemplados no referido documento, o que supón un perxuizo para os seus titulares.

Consideramos que o goberno municipal non demostra ter interese en contar con inventarios realizados de xeito correcto, xa que nunca se puso en contacto coa veciñanza e/ou asociacións e tampouco se digna en contestar as peticións que se lle realizan, aínda que sexa de forma completamente constructiva, dándolle o traballo feito e sen custo algún para o propio concello, como neste caso.