27/10/13

SEGUNDA FASE DA RESTAURACIÓN E POSTA EN FUNCIONAMENTO DO MUIÑO DOS MATOS



Dende a Asociación "Chandebrito 1807" imos a executar nos vindeiros meses a segunda fase de restauración do muíño dos Matos, situado nas Rozadas, parroquia de Chan de Brito.

Ao igual que na 1ª fase (roza, eliminación de terras e vexetación perxudicial no muiño e no seu entorno, reconstrución das paredes, colocación de tellado, porta e fiestra -tal e como se pode apreciar nas fotografías-), esta actuación é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, á que hai que sumar o voluntariado e o persoal que temos dentro do convenio de realización de TBC.

As obras consistirán en instalación de pezas e mecanismos (moega, quenlla, moa, caixón, sateira, vara, rodicio, etc.), restauración da canle e posta en funcionamento do muíño, e estarán rematadas antes do 31 de marzo de 2014.

Esta actuación enmárcase na recuperación e posta en valor do Camiño dos Matos, un sendeiro que abrangue 4,2 Kms., no que se poden observar outros tres muiños de auga (un deles en funcionamento) e que discorre á beira da parte alta do río Muíños (o máis importante de Nigrán). Outros traballos realizados foron a sinalización, roza e limpeza do camiño (na que colaborou o Concello); edición de trípticos informativos, recuperación dun tramo duns 300 metros do antigo camiño; limpeza do rio e do entorno dos muiños.

Todas aquelas persoas que queiran colaborar neste proxecto, poden dirixirse a este colectivo a través do correo electrónico cmchandebrito@yahoo.es ou chandebrito1807@gmail.com .

No hay comentarios: