26/9/13

A Asociación require ao Concello que acondicione a parcela e o parque da escola infantil

ESTADO DE ABANDONO DA PARCELA DA ESCOLA INFANTIL DE CHANDEBRITO

A Asociación de Veciños "Chandebrito 1807", solicitou hai meses e por escrito ao Concello de Nigrán que realizara de xeito urxente os necesarios traballos de roza e poda de piñeiros na parcela de titularidade municipal na que se ubica a antiga escola infantil desta parroquia (sen actividade escolar dende o ano 2009).

Este terreo, duns 2.000 m2 permanece dende entón en estado de abandono, cos xogos do parque infantil estragados e o seu terreo forestal ateigado de maleza (xestas, toxo, etc.), con piñeiros cheos de pólas que caen constantemente, causando con elo riscos de incendio e de accidentes ao caer ramallos sobre o citado parque no que xogan os cativos.

Varios pais e nais da parroquia veñen denunciando esta situación, da que se fixo eco este colectivo, que chegado o caso, e se o propio Concello non actúa, como é a súa responsabilidade, terá que adoptar medidas, tales como acondicionar o lugar pola súa conta con voluntarios; ao igual que está facendo no caso do monte veciñal en man común lindeiro ás vivendas e tamén no que existen bens culturais, para evitar que no caso de incendio forestal non cause danos irreparables.

CHARLA SOBRE O PXOM EN CHANDEBRITO O 13 DE SETEMBRO

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" organiza unha charla informativa sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Nigrán no seu local social (antiga escola infantil de Chandebrito) o vindeiro venres dia 13 de setembro a partires das 19.00 horas.

Esta Asociación, tras estudar os documentos que compoñen o PXOM, ten intención de presentar alegacións ao mesmo no trámite de información pública da súa aprobación inicial (ata o 4 de outubro), ao conter numerosos e importantes erros, non recoller 38 bens culturais e tamén para solicitar a ampliación do solo de núcleo rural para favorecer aos veciños/as; aínda que estas alegacións tamén van a depender do que opine e decida a maioría dos veciños/as desta parroquia.

Asi mesmo, anima aos veciños a que presenten as alegacións que consideren oportunas, para o que prestará a súa total disposición e colaboración gratuitamente co apoio dun técnico.