28/3/13


Recuperación da toponimia de Chandebrito

A Asociación "Chandebrito 1807”, dentro do seu plan iniciado no ano 2009 para a recuperación de topónimos menores (nomes de lugares da parroquia de Chandebrito) co fin de contribuír non só a que non desaparezan, senón a que se fomente o seu uso, xa que o considera unha parte moi importante do patrimonio cultural inmaterial; leva recollidos uns 660 topónimos a través de diversos medios (documentación histórica, escrituras de transmisión de fincas, entrevistas a varios veciños e veciñas maiores, etc.) e ubicado a metade deles nun plano co fin de que se publique no futuro, xunto co estudo da súa orixe.

Outra das accións que está desenvolvendo é a realización de placas de pedra nas que se grava o nome tradicional dos lugares nos que os propietarios da casa ou finca os colocarán nun lugar visible dende a vía pública (ata o momento lévanse sinalizado uns dez sitios: A Rega, A de Per Costas, As Cancelas, O Vargo, A Alén, A Castiñeira, As Pías, A Eira, O Valiño; e agárdase que durante este ano 2013 se chegue aos vinte). Deste xeito, garántese o coñecemento, o uso e a conservación destes nomes.




Moita xente (incluso da zona) descoñece o nome dos lugares, e con este traballo favorécese a recuperación deste patrimonio cultural inmaterial, que corre o risco de perderse en poucos anos, xa que o último eslavón da sabedoría tradicional son a veciñanza de maior idade, e cando finen, con eles irá toda esa sabería, e entre ela os topónimos, algúns deles levan varios centos de anos dando nome aos lugares (así se constata en documentos como o Catastro da Ensenada, Escrituras de foros, etc).



Cursos e actividades promovidas pola Asociación neste ano

A Asociación "Chandebrito 1807", promove, entre outras, as seguintes actividades no seu local social (antiga escola), situada na Rúa da Igrexa, núm. 4 - Chan de Brito (Nigrán)

- Xoves a determinar, de 17.00 a 18.00 horas: gravación da TVG sobre o oficio da cestería tradicional.
- A partires da primeira semana de abril: exposición de fotografías de viaxes polo mundo "Una volta polo mundo" (nos mesmos horarios que os da exposición de debuxos de Castelao).
- Tódolos luns, de 18.30 a 21.30 h., ata o 17 de abril: ampliación do curso práctico de iniciación á cesteria tradicional.
- Tódolos luns, de 18.30 a 21.30 h., dende o 22 de abril ata o 17 de xuño: curso práctico avanzado de cesteria tradicional.
- Sábado 11 de maio (10-14 e 16-20 h. ) e domingo 12 de maio (de 10 a 14 h.): curso / obradoiro de "elaboración de pan ecolóxico". (O sábado teoría e práctica do pan de levadura nai e o domingo o pan de landra. Máximo de 15 persoas os dous dias.)
- Tódolos luns, de 18.30 a 21.30 h., dende o 1 de xullo ata o 29 de xullo: curso de "manexo do estrés e taller de risoterapia".
- Tódolos venres, de 17.30 a 18.30: curso de bailes latinos.
- Ademáis, pretendemos realizar unha xornada de recuperación e divulgación de xogos populares tradicionais da zona.
Posta en funcionamento da rede xeral de sumidoiros nas Tomadas e nas Rozadas

Despois das reclamacións da Asociación "Chandebrito 1807" a Aqualia e ao Concello, este anuncia a posta en marcha da rede xeral de sumidoiros en Chandebrito, concretamente as estacións de bombeo de augas residuais localizadas nas Tomadas e nas Rozadas. Esta actuación, valorada en 5.500 euros, resolverá unha situación do mandato anterior, xa que estaba inoperativa unha actuación de máis de 600.000 euros, e os veciños/as non podían ter este servizo a pesar de solicita-la conexión.