15/1/13

A Asociación Chandebrito 1807 rehabilitará o muíño dos Matos

Esta Asociación realizará durante o primeiro trimestre do ano 2013 o acondicionamento do aspecto exterior do muíño dos Matos e do seu entorno (situado nas Rozadas, na parroquia de Chan de Brito). Para desenvolver esta actuación conta con axudas que financiarán o custo do proxecto, que permitirá realizar unha primeira fase de mellora da imaxe e revalorización.

Trátase dun muiño fariñeiro de auga dos máis antigos de todo o municipio e da comarca, situado nun fermoso paraxe na parte alta do río máis importante de Nigrán, o Rio Muíños, no camiño dos Matos (de gran importancia etnográfica), polo que os veciños/as desta parroquia pasaron durante centos de anos para ir á igrexa parroquial de Camos.

Ademáis, prevese con voluntariado acondicionar o carreiro de pés que vai dende o camiño polo que pasa a ruta de sendeirismo dos Matos, paralelo á levada do muíño, ata a pontella medieval que está nos límites coa parroquia de Camos, pasando polo citado muíño.




Apoio ás persoas con participacións preferentes e obrigas subordinadas para recuperar os seus aforros

A Asociación Veciñal e Cultural "Chan de Brito 1807", instou por escrito o pasado dia 27 de decembro ao goberno municipal de Nigrán a que estude e presente ao pleno unha proposta para que se adopten diversas medidas frente a problemática creada pola comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas do sector bancario, especialmente realizadas por Novagalicia Banco. Para elo, este colectivo remitiulle un proxecto de proposta con varios acordos de interese a adoptar.

Á vista das novas publicadas nos medios de comunicación ao respecto das propostas da Unión Europea con respecto ás quitas en relación á comercialización de determinados produtos bancarios, tales como as participacións preferentes e as obrigas subordinadas, e á vista dos graves sucesos que están acontecendo tanto en Nigrán como noutras localidades do entorno, donde, ademáis de tomar outras medidas, algunhas persoas péchanse en caixeiros para defender o seu diñeiro e os seus intereses.

Propónse a adopción dos seguintes acordos:
  • Apoiar a todos os veciños e veciñas de Nigrán que teñen participacións preferentes e obrigas subordinadas e a todos aqueles que posúen diñeiro nos bancos e non poden dispoñer del.
  • Instar ao Banco de España e ás entidades financeiras para que busquen unha solución a este grave problema e aqueles suscriptores que o desexen poidan recuperar o 100 % dos seus cartos.
  • Instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a buscar unha solución que poida ser que a arbitraxe se faga para todos aqueles afectados por estes produtos bancarios e dito arbitraxe se realice con seriedade e coa maior rapidez posible e tamén instar á Xunta de Galicia para que o Instituto Galego de Consumo acelere os trámites de devolución do total dos aforros dos galegos e galegas que depositaron tanto nas participacións preferentes como en obrigacións subordinadas.
  • Solicitar unha xuntanza co Conselleiro de Economía e cos responsables da banca para tratar este asunto e pedirlles que se arranxen nos termos indicados nesta proposta.
  • Dirixirse á Federación Galega de Municipios e Provincias, instando a opción de acordos encamiñados a convidar a todos os concellos galegos á retirada de fondos de Novagalicia Banco ou de calquera outro banco que nun prazo prudencial non devolva o 100 % destes depósitos.
  • Remitirlle esta proposta tanto aos responsables da banca como aos da Xunta de Galicia, especialmente ao Sr. Presidente desta.
  • Crear unha Comisión de traballo con membros da Corporación para facer un seguimento e apoio a esta problemática, composta por:
    - O alcalde ou concelleiro do grupo popular
    - Un concelleiro do grupo socialista
    - Un concelleiro do grupo mixto (UCN-CDL / BNG)

Exposición de debuxos de Castelao

Con motivo do 63º aniversario do falecemento do político, escritor e debuxante Afonso D. Rodríguez Castelao, acontecido o dia 7 de xaneiro, inaugurouse ese mesmo dia unha exposición de cadros realizados por el no baixo da escola de preescolar de Chan de Brito, que permanecerá aberta ata o mes de marzo e que se poderá visitar os luns de 17.00 a 19.00 horas, os mércores de 19.30 a 21.30, ou ben chamando ao núm. de teléfono 667 380 223.

Trátase de 17 debuxos da colección "Cousas", (de finais dos anos 1920) e de 49 cadros pertencentes ao álbum "Nós" (editado no ano 1931), que pretende ser un canto ás angurias da dura vida dos labregos e mariñeiros.

Con elo, esta Asociación quere render un merecido homenaxe a un dos galegos máis ilustres de tódolos tempos e difundir o seu legado.

Nova edición do curso de cestería (III)

Esta Asociación, debido ao éxito que tivo a terceira edición do Curso de iniciación á Cestería tradicional que organizou e que se desenvolveu durante os meses de novembro e decembro de 2012, no que participaron un total de nove persoas (ás que se lle fixo entrega o pasado luns do diploma acreditativo); vai comezar cun novo grupo doutros tantos alumnos/as o vindeiro luns dia 21 de xaneiro de 18.30 a 21.30 horas, que rematará o dia 11 de marzo. Posteriormente prevese iniciar un novo curso de cestería avanzado, cun mínimo de cinco e un máximo de dez alumnos/as.