25/2/09

Empezou o curso de cesteria


Dende o pasado día 7 do presente mes que deron comezo as clases de cestería organizadas pola asociación, xa se van notando os pequenos pero constantes progresos gracias a labor do mestre cesteiro Don Manuel Gomez, o que temos que agradecerlle a súa interese por ensinar a todos aqueles interesados que descoñecemos unha forma de artesanía, vida e cultura que o home elaborou dende os albores da humanidade, pois a cestería incluso e anterior a cerámica, arte que con moi poucas modificacións durante milenios, demostra que a idea primixenia e a súa realización foron perfectas dende un principio, cousa que raras veces se consigue.



Os oito alumnos habituais e algún mais esporádico ímonos facendo coa técnica consistente no trenzado ou entrecruzado dos materiais empregados, coas súas diversas variantes, espalladas por toda Galicia, o que constitúe unha riqueza moi grande en canto á cestería se refire. Os materiais empregados son naturais e van dende os silvestres de monte baixo e ribeira, tales como: canas, xunco, vimbio, etc., ata ás distintas especies de árbores da nosa vexetación, sendo o castiñeiro, o carballo, o salgueiro e o bidueiro os máis empregados, aínda que o vimbio e o mais representativo e o empregado por nos no curso.



Non cabe dúbida, por tanto que os cesteiros, ó igual que outros oficios practicados en Galicia por desgracia esmorecen a causa dos avances das novas técnicas e do tan gabado progreso, asistindo á transformación das artes, oficios, tradicións e calquera tipo de manifestación da nosa cultura, polo que con este tipo de curso tratamos de manter viva a tradición e cultura levada a cabo durante milleiros de anos polos nosos antepasados, non podendo permitir que se perda.



Para rematar deixamos un refrán popular sobre os cesteiros:

O que fai un cesto fai cento se lle dan vergas e tempo.


19/2/09

Exito de participación da peque ruta

Este Domingo celebrouse a Peque ruta organizada pola asociación cultural O Coto e coa colaboración da nosa asociación, converténdose nun éxito de participación en parte polo bo tempo que tivemos e por outro lado gracias a gran organización da asociación O Coto, pois acadamos as 92 persoas dispostas a coñecer as paraxes naturais e os elementos patrimoniais cos que conta a parroquia.



A andaina comezou sobre as 12:00 do mediodía, empezando pola visita a presa de Lapela, elemento regulador da auga que contribuíu durante moitos anos a darlle vida o millo e a súa transformación en fariña, para facer aquel pan tan importante na vida de fai uns anos. Continuamos visitando a Igrexa de San Xosé e a casa rectoral, magoa que a xente que se acerca a parroquia non poida ver en mellor estado a única casa señorial de Chandebrito, para cruzar o barrio da Igrexa e dirixirnos o petroglifo do Soeido, único en Galicia por estar integrado no que hoxe é unha corte, os nosos visitantes non daban creto a que alí dentro puidese haber un cervo gravado na rocha dunha das paredes do cortello.



A visita a petroglifos continuou polos do Rabete, Preghuntadouro, Chousiña, Rapadouro e Lapa do Piñeiro, facendo un alto entre eles para acercarnos o Outeiro do Ghanador, onde se contou a lenda ou historia da victoria de Chandebrito sobre Camos para conseguir o San Mamede, con outro pequeno alto na Chan do Rapadouro para que Fonso nos ilustrase sobre a importancia desta chan asolagada nos invernos, xa que conta con dous hábitats de interese comunitario.



Rematamos visitando a paraxe de interese natural da Fraga de Rodas, para polo camiño empedrado das Pereiras subir cara O Castro pasando polos muíños do Regueiro, onde puideron ver todas as pezas do muíño, aínda hoxe en día funcionando. Coroando o monte do Castro todos puideron gozar das belas vistas cara a ría de Vigo, aínda que polo tarde que se nos fixo, sobre as 16:00, a maioría da xente xa estaba desexando chegar os coches para poder empezar a comer e descansar no espléndido entorno das Chans.



Despedíndonos dos nosos agradables visitantes e agardando a súa próxima visita por esta pequena parroquia. Deixamos unhas fotos da andaina e o mapa para GPS que puxo en wikiloc o noso amigo Jesús, para quen queira descargala e gozar da andaina que fixemos.


Sendeiros con historia

Patrimonio cultural, arqueolóxico e etnográfico e unha paisaxe inmellorable. Todo iso ofrece Chandebrito aos que se atreven a percorrer os quilómetros de distancia que separan esta parroquia das zonas máis turísticas do municipio de Nigrán. Por iso, dende a Concellaría de Turismo impulsaron un proxecto de revalorización deste recóndito lugar que se financia grazas ao plan europeo Proder II.


Continua no Faro de Vigo


16/2/09

Verteduras no Estripeiral

O pasado domingo 8 de febreiro, nunha pequena ruta que fixemos dende a asociación descubrimos unhas verteduras na zona do Estripeiral, baixando cara a Fragoselo nun camiño que se interna cara uns pastos, moi cerca da estrada, de latas plásticas nunha cantidade cércana a trintena, estando a maioría delas cheas de aceite.



O día 11 puxémonos en contacto coa consellería de medio ambiente de Nigrán para que procederan a retirar os residuos contaminantes, levándose a cabo o día seguinte a súa retirada, aínda que parte do dano xa quedou feito no entorno pois cando tiraron os bidóns esparexeuse aceite polo solo, quedando este afectado.



A magoa ten sido non haber collido o desgraciado que cometeu este atentado contra ou medio, pois o aceite usado de coche contén unha serie de hidrocarburos que non son degradables bioloxicamente que destrúen o humus vexetal e acaban coa fertilidade do chan, contén así mesmo unha serie de substancias tóxicas como o chumbo, o cadmio e compostos de cloro, que contaminan gravemente as terras e ademais vai reforzada pola acción dalgúns aditivos que se lle engaden que favorecen a súa penetración no terreo, podendo ser contaminadas as augas subterráneas.

9/2/09

Deporte base en Chandebrito


Este fin de semana a parroquia viviu dous importantes acontecementos dentro do deporte base, o primeiro foi a maña do sábado onde uns 700 escolares participaron no Campionato Provincial Escolar do que saíron os equipos que participarán no Campionato Galego que terá lugar o próximo mes de febreiro en Pontevedra.



En benxamín feminino a gañadora foi Iria Rodríguez Huertas, do Club de Atletismo de Porriño, cun tempo de 2.39.9.

En benxamín masculino o gañador foi Javier Costa Rodríguez, do Suárez Marquiez cun tempo de 2.35.4.



En alevín feminino a gañadora foi Sandra Rodríguez Freiría, do Val Miñor, cun tempo de 6.12 5.

En alevín masculino o gañador foi Miguel Otero Rey, do Atletismo de Cuntis, cun tempo de 6.54.7.



En infantil feminino a gañadora foi Genny Fernández Massó, do Val Miñor, cun tempo de 6.59.5.

En infantil masculino o gañador foi Joaquín Riveiro Fernández, do San Narciso de Marín, cun tempo de 8.04.7.



En cadete feminino a gañadora foi Raquel Rodríguez Casaleiro, do Samertolameu, cun

tempo de 12.24.1.

En cadete masculino o gañador foi Damián González Fernández, do Atlético de Cangas cun tempo de 14.48.06.



O segundo acto deportivo da parroquia tivo lugar o domingo pola maña no campo de fútbol co encontro entre o Coruxo e o Chantada, pertencente a categoría galega de xuvenís co resultado final de Coruxo 0 - 2 Chantada


8/2/09

Peque-ruta da asociación cultural O coto

O vindeiro domingo 15 de febreiro a asociación será colaboradora da peque-ruta do mes de febreiro organizada pola asociación cultural O coto, destinada os mais cativos e as súas familias, na parroquia de Chandebrito.



A saída será as 11:00 da maña do colexio publico O Carballal e empezaremos a camiñar no Castro de Chandebrito sobre as 12:00 do mediodía, a ruta etnográfica que terá unha lonxitude aproximadada de 6 km, transcorrera polos lugares de maior interese patrimonial e natural da nosa parroquia. A ruta será guiada por Carlos Gomez secretario da nosa asociación e Afonso Rodríguez coautor do libro “Historia de Chandebrito”

Chandebrito nos medios: Segunda fase de saneamento en Chandebrito

A Consellería de Medio Ambiente destinará un total de 660.808 euros para levar a cabo a segunda fase das obras de saneamento na parroquia de Chandebrito, en Nigrán.


Seguir lendo na Voz de Galicia