30/10/08

Acondicionamento camiño dos Matos


A asociación solicitoulle a consellería de turismo do concello de Nigrán que se dean as ordes oportunas para proceder aos traballos de acondicionamento do Camiño dos Matos, así como do entorno do Muíño dos Matos (do século XVIII), situado na Ruta de sendeirismo denominada “PRG 61 - CAMOS-PARADA-CHANDEBRITO”, xa que o citado camiño, duns 2 metros de ancho, e a sinalización e paneis interpretativos están invadidos pola maleza. Tamén observamos que a sinalización do sendeiro de Nigrán na entrada deste camiño dende a pista que sube da igrexa parroquial de Camos, que indicaba “Camiño dos Matos”, está moi deteriorado, polo que se roga a súa reposición.



Trátase dun sendeiro con conexións coas rutas GR 53, 58; PRG 9, 60; que parte da parroquia de Santa Baia de Camos, comeza a subida cara ao lugar das Rozadas, pasando por unha zona de muíños (muíños de Táboas e dos Matos, nomes que recibe o río Muíños ao seu paso por esta zona). Continúa a ruta cara á aldea de Pracíns e, de xeito ascendente, remata entroncando no parque forestal da PRG 60. Dende Pracíns sae a derivación PRG 61.1. ou Variante de Chandebrito, que pasa polo castro de Chandebrito - miradoiro sobre a ría de Vigo - e pola fraga dos Muíños de Rodas para enlazar outra vez co PRG 60.


Por outra banda, solicitoulle que fagan as xestións pertinentes para proceder á reposición da información dos paneis interpretativos instalados no ano 2001 no entorno do Castro de Chandebrito (1 panel) e do Muíño das Chans (3), situado a uns cen metros do castro; xa que a información que contiñan, hai meses que se estragou.


No hay comentarios: