31/10/08

Verquidos nos montes de Chandebrito


O día que celebramos a xornada micolóxica, entre cogumelo e cogumelo encontromos unha desagradable sorpresa, como son uns recentes verquidos de residuos en diversos puntos do monte “Regamán”, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito, localizados na parte Este da canteira de Lapela, preto das marxes da pista forestal que comunica o barrio da Igrexa co monte Alba (Valadares):


- Lugar da Costal / Lapela: verquido de roupas de traballo de obras (cascos, chalecos, pantalóns, botas, etc.) e de materiais de construcción (sacos de cemento); localizado entre a pista arriba mencionada e o camiño que ascende dende a presa da Lapela, a escasos metros da confluencia con aquela.



- Lugar da Lapela: verquido consistente en residuos procedentes de obras de demolición da construcción (ladrillos e cemento), na marxe esquerda da pista, a uns 500 metros da Estrada do Zondal (Valadares).



Polo que vimos de solicitar na concelleria de medio ambiente de Nigrán que se poñan en marcha os mecanismos pertinentes que determinen as responsabilidades no deterioro do entorno, ademais de dalo a coñecer o axente forestal da zona


30/10/08

Acondicionamento camiño dos Matos


A asociación solicitoulle a consellería de turismo do concello de Nigrán que se dean as ordes oportunas para proceder aos traballos de acondicionamento do Camiño dos Matos, así como do entorno do Muíño dos Matos (do século XVIII), situado na Ruta de sendeirismo denominada “PRG 61 - CAMOS-PARADA-CHANDEBRITO”, xa que o citado camiño, duns 2 metros de ancho, e a sinalización e paneis interpretativos están invadidos pola maleza. Tamén observamos que a sinalización do sendeiro de Nigrán na entrada deste camiño dende a pista que sube da igrexa parroquial de Camos, que indicaba “Camiño dos Matos”, está moi deteriorado, polo que se roga a súa reposición.



Trátase dun sendeiro con conexións coas rutas GR 53, 58; PRG 9, 60; que parte da parroquia de Santa Baia de Camos, comeza a subida cara ao lugar das Rozadas, pasando por unha zona de muíños (muíños de Táboas e dos Matos, nomes que recibe o río Muíños ao seu paso por esta zona). Continúa a ruta cara á aldea de Pracíns e, de xeito ascendente, remata entroncando no parque forestal da PRG 60. Dende Pracíns sae a derivación PRG 61.1. ou Variante de Chandebrito, que pasa polo castro de Chandebrito - miradoiro sobre a ría de Vigo - e pola fraga dos Muíños de Rodas para enlazar outra vez co PRG 60.


Por outra banda, solicitoulle que fagan as xestións pertinentes para proceder á reposición da información dos paneis interpretativos instalados no ano 2001 no entorno do Castro de Chandebrito (1 panel) e do Muíño das Chans (3), situado a uns cen metros do castro; xa que a información que contiñan, hai meses que se estragou.


23/10/08

Xestións realizadas para a mellora da estrada de Pracins


A A.V.C. Chandebrito 1807, congratulase de que, despois dunha dura loita por parte desta asociación, a Deputación de Pontevedra executase recentemente as obras de mellora dun tramo duns 6 Km. da Estrada Provincial Vincios – Nigrán, que estaba ata hai un par de meses en total estado de abandono; aínda así esta asociación presentou hai uns días unha solicitude na Deputación para que se melloren as curvas máis perigosas, xa que as obras non resolveron o problema fundamental da seguridade viaria.




Deixamos un listado coas principais xestións realizadas dende a asociación, para conseguir o arranxo da estrada de Pracins.


2007 denúnciase publicamente nos medios de comunicación o estado da estrada.


19/09/07 solicítase por escrito á Deputación o inicio urxente das obras de ensanche, pavimentado e sinalización do vial. Enviando de novo a petición o 14/11/07

10/01/08 mantense unha reunión co alcalde para pedirlle que reiterase ante o Presidente da Deputación a solicitude de mellora da estrada


15/01/08: reunión cos presidentes das AA.VV. de Vincios e de Camos para solicitar entre as tres asociacións o arranxo urxente da estrada, enviando dita solicitude o día seguinte.


14/03/08 solicítase por escrito á Deputación que se inicien urxentemente as obras de mellora da estrada, nun tramo de 6,24 KAS. (Salgueiro – A Cruz).


25/03/08 solicítase o bacheado da estrada de Pracíns, ao que accede a Deputación.


03/04/08 envíase novo escrito ao Presidente da Deputación esixindo que se comecen as obras e que se nos informe das xestións que realicen e dos datos do proxecto, contestando oito días despois que este ano se levará a cabo unha 1ª fase para mellorar o pavimento.


Maio do 2008 denúnciase publicamente o estado de conservación da estrada.


Tamén se falou en varias ocasións con deputados provinciais, o 30 de maio, o 2, o 4, o 30 de xuño, o 2 de xullo, etc.


O 5 de xullo, a Deputación anuncia que comezarán as obras en poucos días (empezando na seguinte semana).



Ademais, existen diversas publicacións nos xornais relativos a estas xestións:


- Atlántico, 25/01/08

- Faro, 26/01/08

- Faro, 29/01/08

- La Voz, 10/02/08

- Foro Metrop., Feb. 2008

- Atlántico, 01/06/08

- La Voz, 03/06/08

- La Voz, 05/07/08


21/10/08

I xornada micolóxica de Chandebrito


Dende a asociación estamos moi contentos coa resposta que tivo a celebración este Domingo da primeira xornada micolóxica de Chandebrito, pois aínda que a participación, en torno a vintena, non foi abundante, en parte debido a nula difusión que nos deron os medios de comunicación, conseguimos que a xente presente aprendese un pouco e disfrutase moito sobre o mundo micolóxico guiados pola man experta de Jose Luís Tome, o que dende aquí damos as gracias pola súa disposición para que todo saíse adiante.



A xornada comezou as 11:00 cunha pequena introdución a cargo de Jose Luís Tome para pornos en marcha de seguido, dende o monte dos cruceiros partimos, para ir pasando pola de Penis, Casa de Couso, os Arrocheiros ou Outeiro do Pendo Redondo, converténdose este primeiro tramo nun pequeno paseo, pois de cogomelos nin rastro había.



E de repente empezan a aparecer os primeiros cogomelos, as primeiras dubidas e as oportunas explicación por parte de Jose Luís a cada novo cogomelo encontrado, empezando os cestos a encherse pouco a pouco, iamos continuando o noso camiño polos Aporteales, Castro Lapela ou o Costal.



Cos cestos xa case cheos de cogomelos, aínda que por desgraza moi poucos deles comestibles, demos por rematada a camiñata para de seguido pasar a descubrir mediante unha pequena exposición que tipos de cogomelos eran os recollido. Esta segunda parte da xornada foi moi didácticas pois fomos aprendendo a recoñecelos cogomelos recollidos, entre eles estaban os comestibles coma o boletus, a macrolepiota ou algún champiñón e os cogomelos mais vistosos pero carentes de valor culinario coma as caloceras, os lycoperdon as psilocyde ou as russulas.



Rematando cara as 14:30 a xornada con poucos cogomelos listos para pasar polo fogón, pero con moitos vistos, bastante aprendido e moi ledos todos do inicio no fascinante mundo da micoloxía, quedando moito por descubrir para próximas edicións.


Se queredes ver o resto das fotos da I xornada micolóxica de Chandebrito premede sobre o enlace



17/10/08

I xornada micolóxica de Chandebrito


A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, coa colaboración da Federación Galega de Micoloxía, organiza para o vindeiro domingo dia 19 de outubro ás 11:00 da mañá, no Monte dos Cruceiros (na entrada do Castro de Chandebrito), a primeira xornada de micoloxía de Chandebrito, na que o presidente da Federación, Jose Luis Tomé, introducirá aos participantes no mundo dos cogomelos e de onde se partirá ao monte para a recollida destes. Tamén se repartirán uns cadernos e ao final exporanse os cogomelos recollidos para que o experto fale das características de cada unha das especies.


15/10/08

Servicio de transporte público


A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807” está tratando de conseguir un axeitado servizo de transporte público para a parroquia de Chandebrito, no concello de Nigrán, dentro do servizo de transporte da área metropolitana de Vigo; polo que xa leva presentado diversas solicitudes ante o Concello de Nigrán e a Dirección Xeral de Transportes da Xunta, ademais de entrevistarse co alcalde, concelleiros e delegada provincial da Consellería de Política Territorial, O.P. e Transportes.


Plantexando, entre outras, a posibilidade de que se realice unha ampliación do recorrido do autobús urbano núm. 29 dende Fragoselo (Coruxo) ata Chandebrito, xa que ambos puntos distan entre si uns 3 quilómetros (a maioría da poboación desprázanse a Vigo continuamente por motivos laborais, comerciais, sanitarios, etc.) e a veciñanza cre que é a medida máis axeitada para atender ás súas necesidades.

14/10/08

Recuperación da toponimia


A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, está levando a cabo diversos traballos para a recuperación de topónimos menores (nomes de lugares da parroquia de Chandebrito) co fin de contribuír non só a que non desaparezan, senón a que se fomente o seu uso, xa que o considera unha parte moi importante do patrimonio cultural inmaterial desta parroquia. Preténdese que o remate dos traballos e as publicacións estén listas a mediados do ano 2009.


Dentro do interese da asociación para conservar o rico patrimonio inmaterial como son os topónimos esta que as administracións públicas e algunha asociación recolleron algúns topónimos da zona, pero nunca se fixo un traballo serio neste aspecto, agás o que desenvolveu o Club Espeleolóxico Maúxo no ano 1997, cando recolleu uns 200 topónimos. Moita xente (incluso da zona) descoñece o nome dos lugares, e con este traballo favoreceríase a recuperación deste patrimonio cultural inmaterial, que corre o risco de perderse en poucos anos, xa que o último eslavón da sabedoría tradicional son a veciñanza de maior idade, e cando finen, con eles irá toda esa sabería, e entre ela os topónimos, algúns deles levan varios centos de anos dando nome aos lugares (así se constata en documentos como o Catastro da Ensenada, Escrituras de foros, etc).


Descrición do programa:


- Estudo dos 290 topónimos recollidos ata o momento por esta Asociación e clasificación.


- Recollida de máis topónimos consultando diversas fontes de estudo: tradición oral; datos catastrais; escrituras de compra – venta e herdanzas e outros documentos; etc.


- Elaboración de cadernos / folletos con cartografía, indicando o número de topónimo, curvas de nivel, cotas de altura, etc. así como a relación de topónimos por orden alfabética.




"Laxes 1952": Traballos para recuperación de topónimos: Imaxe do ano 1952 no que se pode contemplar o lugar das Laxes dende o Puntillón (cruce da rúa Chandebrito coa rúa Laxes). Tamén se observan os lugares de Santos Espritos, A de Por Costas, Xastal, As Cancelas, As Aléns...




8/10/08

Obras na parroquia


A consellería de Vías e Obras de Nigrán, está desenvolvendo esta semana diversas actuacións de mellora na parroquia de Chandebrito, solicitadas pola Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, tales como: mellora do terreo de xogo do campo de fútbol, dotación de pasos de peóns na Estrada de Chandebrito, reposición de pavimento de vías públicas (pista de Lapela, Rúa das Laxes e Estrada de Chandebrito, entre outras),etc.



Esta asociación presentara a finais do ano pasado unha solicitude dirixida a dita Concellería para que esta procedese á mellora das vías e da súa sinalización horizontal e vertical, as cales soportan un importante incremento de tráfico e dispoñen de escasas medidas de seguridade viaria.


6/10/08

Bibliografía


Para todos e todas que queiran informarse mais polo miúdo sobre Chandebrito, imos a deixar unha lista con toda a bibliografía que hai dispoñible a día de hoxe sobre a parroquia. Desexando que pouco a pouco a bibliografía vaia aumentando con novas publicacións e contando coa vosa colaboración en caso de que coñezades algunha publicación sobre a parroquia que non apareza na lista.


* Nigrán, perla de la costa mágica (Centro de Iniciativas Turísticas Val Miñor, ano 1978)

* Historia da comarca do Val Miñor (Salvador Fdez. de la Cigoña, 1995)

* Raíces de Nigrán (Fco. Javier Costas Goberna, J. M. Hidalgo e outros, 1996)

* Rutas e sendeiros de Nigrán (Cabana e outro, 1997)

* Historia de Chandebrito (Club Espeleolóxico Maúxo, 1997)

* Nigrán, memoria dunha guerra: 1936-1939 (Juan González, 1998)

* O Folón e outras covas do sur de Vigo (Clube Espeleolóxico Maúxo, 2004)

* Revista de Estudos Miñoranos nº 4: Os muíños de Chandebrito (Carlos Gómez, 2004)

* Revista de Estudos Miñoranos nº 5/6: Vinte e cinco anos (Carlos Gómez, 2006)

* Chandebrito, lembrando imaxes do pasado (Carlos Gómez. A.VV. de Chandebrito, 2005)

* O Voceiro de Chandebrito núm. 1 (C. Gómez, A.V.C. Chandebrito 1807, ano 2008)


2/10/08

Localización de Chandebrito


Aínda que a maioría da xente que nos visite xa coñecen a localización de Chandebrito, ven por vivir na parroquia ou por acercarse por ela cada certo tempo, creemos que pode ser moi interesante que a xente que aínda ten por descubrir este anaco do Val Miñor, poida saber onde queda situado e polo tanto acercarse a darnos unha visita.




Ver mapa máis grande

Chandebrito queda encadrada na ribeira sur da Ría de Vigo, forma parte do concello de Nigrán. É un lugar de paso entre os dous vales que domina, o Val do Fragoso e o Val Miñor, o que pertence. Ten unha extensión de aproximadamente 5.8 km2, sendo os seus lindes polo oeste e suroeste con Camos, o este e sureste con Vincios e polo lado Norte e Nordeste con Coruxo e Valadares. Formando os lindes naturais os montes Mauxo, Alba e Castelo.

Para rematar a asociación deixá como agasallo unha foto do ano 1949 realizada nun voo aéreo da compañía americana C.E.T.F.A. (Fonte: Servizo de Cartografía da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo. Publicada no libro "Chandebrito, lembrando imaxes do pasado", realizado por Carlos Gómez para a Asociación Veciñal de Chandebrito no ano 2005) para que vexades a diferenza coa inicial do google maps.